CONSELLOS PARA A FAMILIA DURANTE O PERIODO DE ADAPTACIÓN:

Como sabedes, estes días estámolos a dedicar á ADAPTACIÓN DOS NENOS Á ESCOLA.
Para a maioría esta é a primeira vez que se separan de vós. Coa familia séntense mais SEGUROS e protexidos e na Escola atópanse cunha situación TOTALMENTE descoñecida: non se coñecen cos outros nenos, nin coas educadoras, nin coñecen o centro......
É un cambio moi brusco, e por iso consideramos necesario este período para que o neno/a vaia pouco a pouco asimilando esta separación
É importante recalcar que CADA NENO/A NECESITA o SEU TEMPO, TODOS OS NENOS/AS NON SON IGUAIS, polo tanto a adaptación duns e doutros tamén será distinta.
¡ÁNIMO e PACIENCIA!

Aquí vos deixo algúns consellos que xa vos dei na reunión inicial pero que nunca vai mal recordalos:
- É importante que os nenos/as vos vexan CONVENCIDOS Y CONTENTOS. Non vos sintades culpables (evitade comentarios como "pobre", qué pena".....)
- NON PROLONGUEDES O ADEUS. Despedirvos con naturalidade, polo camiño. Tampouco se trata de marchar correndo, se non lle dicides nada se sentirá abandonado. pouco a pouco irá entendendo que durante un anaco vós vos ides e el queda
- NON RETROCEDADES. Ás veces tentaravos dar media volta, pero se facedes isto acabará por utilizar o seu choro como arma.
- CREAR ACTITUDES POSITIVAS. Falar ben na casa das educadoras, dos outros nenos, do bonita que é.....
-NON FACER COMENTARIOS NEGATIVOS: "Se te portas mal irás á escola", " mira que a señorita che berrará"....
- Poden aparecer COMPORTAMENTOS DIFERENTES: pipí, rabechas, vómitos, falta de apetito.... Intentar non lle dar importancia e sobre todo non facer comentarios mentres o neno está diante.
- INTERCAMBIAR TODA A INFORMACIÓN que facilite maior coñecemento dos nenos/as. Calquera cousa que se saia do habitual pode ser importante: enfermidade dun familiar, cambios de domicilio.... son pequenas cousas que nos axudan a coñecer mellor os vosos fillos.
- NON VOS ASUSTEDES. Poñémosvolo duro, pero de verdade, todo pasa e logo verédelos ir felices e contentos.

A EDUCACIÓN MUSICAL:

Tradicionalmente entendeuse a educación musical na escola desde unha perspectiva restritiva, foi entendida como un medio para forma-los alumnos e as alumnas nos distintos coñecementos musicais e para ir espertando as súas posibles aptitudes relacionadas coa materia.
Con todo, novas correntes pedagóxicas relacionadas coa educación musical poñen de relevo enfoques innovadores que salientan a importancia desta non só para desenvolver posibles aptitudes musicais senón para a formación integral da persoa.
Desde esta nova perspectiva, non se trata de coñecer e manexar aspectos meramente musicais, senón de utiliza-la música como ferramenta educativa capaz de promover obxectivos educativos de carácter extramusical. A escola xoga así un papel fundamental para conseguilo.
Sabemos actualmente que a música ten unha especial importancia no desenvolvemento integral da persoa e que a educación musical debe se-la encargada de orienta-la sensibilidade do neno e da nena, así como de desenvolve-las súas capacidades tanto psíquicas coma sociais. É un medio a través do cal lle chegan formas de expresión que son propias da súa cultura.
A música promove o desenvolvemento sensorial, motor, afectivo, mental, intuitivo e creativo do neno e da nena. Ademais, contribúe ó perfeccionamento da linguaxe; colabora para que consiga o correcto ordenamento psicomotriz, desenvolve a súa imaxinación, mellora as relacións interpersoais entre os compañeiros e as compañeiras e axúdaos a coñecer mellor o ambiente que os rodea.
Na Educación Infantil, a música é algo máis que cantar cancións. Supón unha educación rítmica, auditiva, do pensamento musical, que desenvolva sobre todo a creatividade e a expresión de sentimentos e emocións. A utilización do movemento serviría como medio de expresión e sensibilización motriz, visual e auditiva. A educación musical sería unha forma de coñece-lo propio corpo, de desenvolve-lo sentido rítmico e de fomenta-las relacións sociais e a creatividade. Hai que desenvolve-la capacidade natural, que desde estas idades se ten, para expresar e senti-la música utilizando, sobre todo, unha metodoloxía lúdica.
A música constitúe un aspecto que se traballa dentro do ámbito Comunicación e Representación, está integrada, xa que logo, dentro do ensino regrado. A música en si constitúe un elemento globalizador importantísimo para a aprendizaxe; existe unha relación clara entre os contidos de aprendizaxe da educación musical e as estratexias utilizadas nas restantes áreas ou nos restantes ámbitos de coñecemento da Educación Infantil.


Ao longo deste curso outórgarémoslle a importancia que merece, reservéndolle un espazo específico en cada unidade, no cal se desenvolverán distintas actividades musicais en estreita relación cos aspectos psicomotores. Para elo empregaremos CDs con cancións con diversidade de ritmos e melodías e sons, diversos instrumentos musicais,etc. As cancións, ademais de constituíren un elemento motivador e dinamizador da aprendizaxe, xiran arredor dalgúns dos contidos fundamentais das unidades didácticas coas que se vinculan, de maneira que, a través da vía artístico-musical, axudan os nenos e as nenas a descubrir e descifrar algunhas das realidades e das experiencias fundamentais que son obxecto de coñecemento no ámbito da Educación Infantil.

NOVAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN:


A escola non pode permanecer á marxe das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Os nenos e as nenas conviven desde o seu nacemento con todo tipo de equipos tecnolóxicos, e é un feito que viven con máis interese as actividades escolares e que manteñen mellor a atención se na aprendizaxe se empregan medios tecnolóxicos de información e de comunicación: televisión, cine, vídeo, DVD, fotografía e ordenador. Polo tanto, a linguaxe audiovisual e as tecnoloxías da información e da comunicación presentes na vida infantil, requiren un tratamento educativo que inicie os nenos e as nenas na comprensión das mensaxes audiovisuais e na utilización axeitada, identificando o papel que estas novas tecnoloxías teñen nas súas vidas. Na etapa da Educación Infantil deberán iniciarse no uso de diversos instrumentos tecnolóxicos (ordenador, reprodutores de imaxe e son...) e no coñecemento de diferentes producións audiovisuais, valorando progresivamente os seus contidos e tomando conciencia da necesidade de utilizalos moderadamente.
Os máis pequenos asumen con naturalidade a presenza do ordenador no medio escolar. A propia aprendizaxe é para eles un xogo; e o ordenador é un recurso didáctico para aprender e xogar.
Por outro lado, non podemos esquecer que actualmente o manexo do ordenador é unha necesidade. A sociedade actual utilízao en tódolos ámbitos; se queremos prepara-lo alumnado para que sexa membro activo e integrado da sociedade, deben coñecer e saber utilizar esta tecnoloxía. Polo tanto, é importante empezar esta preparación desde os primeiros niveis educativos.
Desta forma, o proxecto Papapapú propón traballar co ordenador uns materiais incluídos nun CD para cada curso que propoñen un conxunto de actividades, xogos, exercicios divertidos, atractivos, baseados no debuxo infantil, que incita os nenos e as nenas a resolver situacións de pequenos conflitos e fácil resolución e cuxa realización resulta gratificante e motivadora. En definitiva, consiste en xogar e aprender utilizando o ordenador.


Os contidos propios da Educación Infantil que a través destas novas habilidades e destrezas se van poder desenvolver serán:
3 anos:
• Movemento co rato, sinalar co rato, facer clic co rato, facer clic e arrastrar.
• As cores vermella, amarela e azul.
• Algúns conceptos espaciais.
• Sons e instrumentos musicais.
• Números 1, 2 e 3 e os conceptos correspondentes a estas cantidades.
• Cuantificadores e nocións básicas de medida.
• Parellas escondidas.
• Educación do trazo e direccionalidade.
• Introdución ás primeiras vogais.
• Descubrimento do medio: estacións, paisaxes, animais, tendas, medios de transporte…
• Figuras: círculo, cadrado e triángulo.

INTRODUCIÓN Á LINGUA EXTRANXEIRA:

A diversidade lingüística e cultural na escola, debido a fenómenos sociais, culturais, económicos, etc., fixo que se promova o ensino dunha lingua estranxeira e que se vaia incluíndo desde a Educación Infantil, especialmente no último ano. Así mesmo, cómpre desenvolver nesta etapa actitudes positivas cara á propia lingua e cara ós demais, espertando a sensibilidade e a curiosidade por coñecer outras linguas. Na introdución dunha lingua estranxeira debe valorarse o achegamento progresivo ós significados de mensaxes en contextos de comunicación coñecidos, fundamentalmente nas rutinas habituais da aula, espertando o interese dos nenos e das nenas por participar en intercambios orais en lingua estranxeira.
Debido á súa gran capacidade de memoriación e aprendizaxe, moitas investigacións sobre a implantación dun idioma estranxeiro nas primeiras idades estableceron entre os 4 e os 7 anos a idade apropiada para empeza-la aprendizaxe dunha segunda lingua, pola súa gran capacidade de memorización e aprendizaxe. Dado que o neno de 4-5 anos se está iniciando na aprendizaxe da lectoescritura, o ensino doutra lingua debe ser exclusivamente oral, en condicións similares ás que se dan cando aprenden a súa propia lingua. Coñecer outras linguas converteuse nunha necesidade e nunha esixencia para poder integrarse de forma natural nunha sociedade cada vez máis complexa en culturas e linguas.
Polo tanto, ao longo deste curso utilizaremos materiais complementarios que permitirán a incorporación do inglés como lingua estranxeira nas programacións de aula. Trátase de que os nenos e as nenas comecen a familiarizárense coa lingua inglesa.
Os contidos que se tratarán son os seguintes:
• Cores: azul, vermello, amarelo, verde, laranxa, branco e morado.
• Membros da familia: papá, mamá, avó, avoa, irmán, irmá, tío e tía.
• Números: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9.
• Festas e celebracións: Nadal.
• Saúdo: “bos días”, “boas noites”, “ola” e “adeus”.
• Frases curtas e sinxelas.
• Partes do corpo: man, cabeza, boca, ollo, barriga, pé…
• Nomes de animais: gato, can, vaca, paxaro, mono e peixe.
• Días da semana.

INICIACIÓN ÁS MATEMÁTICAS.

A nova Lei de educación considera que no nivel da Educación Infantil se debe procurar que os nenos e as nenas se inicien nas habilidades lóxico-matemáticas. Para coñecer e comprender como funciona a realidade, os pequenos e as pequenas indagan sobre o comportamento e as propiedades dos obxectos e materias presentes no seu medio: actúan e establecen relacións cos elementos do medio físico, exploran e identifican os devanditos elementos, recoñecen as sensacións que producen, anticípanse ós efectos das súas accións sobre eles, detectan semellanzas e diferenzas, comparan, ordenan, cuantifican pasando así da manipulación á representación, orixe das incipientes habilidades lóxico-matemáticas. Deste xeito e coa intervención educativa axeitada aproxímanse ó coñecemento do mundo que os rodea, estruturan o seu pensamento, interiorizan as secuencias temporais, controlan e encauzan accións futuras, e van adquirindo maior autonomía respecto ás persoas adultas.
A partir dos tres anos, o neno e a nena están pasando da aprendizaxe sensorial á intuitiva, empezan a soluciona-los problemas que se lles presentan na súa vida cotiá. Progresivamente serán capaces de facer deducións simples e clasificacións se seguen algúns criterios moi sinxelos, a pesar de que aínda non poden establecer algunhas relacións entre os obxectos.
Ós catro anos non posúen aínda pensamento lóxico, a pesar de que se van achegando. Isto permítelles realizar clasificacións e seriacións seguindo criterios algo máis complexos ca ós tres anos.
Ós cinco anos, os nenos e as nenas realizan as primeiras abstraccións e son capaces de operar coas imaxes mentais dos obxectos. O pensamento é máis lóxico e por este motivo conseguen realizar seriacións e clasificacións nas que atenden a varias calidades dos obxectos. Poden resolver por si mesmos algúns dos problemas que se lles presentan.

Ao longo deste curso utilizaremos materiais complementarios ó propio método, aínda que independentes del, que reforcen os contidos e principais conceptos matemáticos traballados nos materiais básicos e que sigan a seguinte secuencia de aprendizaxe:
& Cardinais 1, 2 e 3.
& Propiedades dos obxectos: igual-diferente e aberto-pechado. Cor.
& Nocións básicas de medida: grande-pequeno, longo-curto e alto-baixo.
& Cuantificadores básicos: máis que e cheo-baleiro.
& Formas planas: círculo e triángulo.
& Nocións espaciais básicas: dentro-fóra, enriba-abaixo, un lado-outro lado e diante-detrás.
& Iniciación á seriación.
& Series de cor, forma e tamaño.
& Iniciación á lectura de etiquetas.
& Iniciación ó razoamento lóxico.

INICIACIÓN Á LECTOESCRITURA.

No nivel da Educación Infantil débese procurar que os nenos e as nenas aprendan a facer uso da linguaxe e que se inicien na aprendizaxe da lectura e da escritura. No segundo ciclo preténdese que descubran e exploren os usos da lectura e da escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas. A utilización funcional da lectura e da escritura na aula levaraos, coa intervención educativa pertinente, a iniciarse no coñecemento dalgunhas das propiedades do texto escrito e das súas características convencionais, valorándoas como instrumentos de comunicación, información e goce. Debemos espertar nos nenos e nas nenas o interese polos textos escritos presentes na aula e no medio próximo, iniciándoos no seu uso, na comprensión das súas finalidades e no coñecemento dalgunhas características do código escrito. Deste xeito, poderán participar nas situacións de lectura e de escritura que se producen na aula.
A partir dos tres anos o neno ou a nena dispón da capacidade de poder operar con múltiples representacións. Débese empezar a prepara-la conciencia da relación da linguaxe oral coa representación gráfica por medio de pictogramas nun contexto integrado de actividades comunicativas.
Ós catro anos, debe ser quen de recoñecer palabras moi significativas do seu medio. Polo tanto, debemos poñelo en contacto con elas para favorece-la lectura.
Pouco a pouco irá aparecendo no neno e na nena o interese por recoñece-las letras como compoñente das palabras, momento que debe aproveitarse para que recoñezan a estrutura destas. Traballarase a identificación dos distintos elementos e a estrutura da fala (palabras, sílabas, fonemas) e potenciaranse, a través da linguaxe oral, os aspectos fonolóxicos.
Iniciarase a aprendizaxe das técnicas da lectura e da escritura. Esta aprendizaxe realizarase por medio da comunicación e comprenderá actividades de decodificación, codificación e comprensión.
A aprendizaxe da lingua escrita debe permitir que os nenos e as nenas descubran as posibilidades que ofrece a lectura e tamén a escritura como fonte de pracer, fantasía, comunicación e información.
Dos textos que se poden empregar para a lectura na aula, os contos deben ocupar un lugar esencial na formación literaria dos nenos e das nenas. Polo seu contido, pola súa estrutura e polo seu vocabulario, constitúen un instrumento valioso para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas.

Ao longo deste curso reforzaremos os contidos de lectoescritura traballados no material básico mediante unha serie de materiais complementarios de iniciación á lectoescritura: "O riso das bolboretas": Iniciación ás vogais.

A EDUCACIÓN PSICOMOTRIZ


A psicomotricidade ten en conta o individuo na súa totalidade, considérao unha unidade psicosomática. Integra os aspectos cognitivos, emocionais, simbólicos e sensoriomotrices e desempeña un papel importantísimo no desenvolvemento da personalidade.
A psicomotricidade pretende desenvolver, a partir do corpo e do movemento, as posibilidades motrices, expresivas e creativas dos nenos e das nenas. Por medio dela, favorécese a comunicación, o coñecemento e a creatividade. Ademais, potencia o diálogo do neno ou da nena consigo mesmo e axúdao a conseguir determinadas aprendizaxes escolares..
A educación psicomotriz constitúe a base de numerosas aprendizaxes escolares, favorece o desenvolvemento da percepción temporal e espacial, o desenvolvemento da simbolización e a aprendizaxe da lectoescritura. Existen moitos conceptos abstractos que os nenos e as nenas deben aprender: as nocións espaciais, as nocións temporais, os cuantificadores, as formas, as figuras xeométricas…, a mellor maneira de aprendelos é, entre outras estratexias, a experiencia e a vivencia co propio corpo.
Por medio da psicomotricidade preténdese que o alumnado adquira o coñecemento do propio corpo, o dominio do equilibrio, o control e a eficacia das coordinacións globais e segmentarias, o control da inhibición voluntaria e da respiración, a organización do esquema corporal, a orientación espacial e unha axeitada estruturación espazo-temporal.
O esquema corporal é a conciencia inmediata, o coñecemento e a representación do propio corpo. Organízase a través das sensacións interoceptivas, propioceptivas, quinestésicas, visuais e táctiles que o corpo recibe ó interactuar co medio. Está influenciado pola idea ou pola imaxe que os nenos e as nenas teñen deles mesmos e pola idea que teñen sobre o que os demais pensan ou senten sobre eles. É fundamental traballar, desde a Educación Infantil, o desenvolvemento dunha imaxe positiva e axustada deles mesmos que contribúa a mellora-la súa imaxe corporal polas repercusións que isto ten sobre a autoestima.
Para que os nenos e as nenas acaden unha axeitada estruturación do esquema corporal, cómpre que coñezan o seu corpo (características físicas, elementos e segmentos que o forman, posibilidades e limitacións motrices…), que controlen a respiración, que recoñezan os eixes imaxinarios do corpo para poder acadar unha maior independencia no control motriz e que poidan iniciar e inhibi-los seus movementos de forma voluntaria.
Para que o movemento dos diferentes elementos e segmentos corporais sexa harmónico, cómpre que exista coordinación entre eles. Os nenos e as nenas, progresivamente, irán adquirindo a coordinación dinámica xeral que lles permitirá manexa-los movementos grosos do seu corpo e controla-lo espazo polo que se desprazan.
Gradualmente, e favorecido polas diferentes actividades que o alumnado realiza na clase e polos xogos psicomotrices, irán mellorando a coordinación visomotora. Esta coordinación permitiralles acadar unha maior precisión nas actividades motrices de carácter fino.
Outro aspecto que traballa a educación psicomotriz é a orientación espacial. Os nenos e as nenas deberán aprender e asimilar diferentes nocións espaciais que primeiro deberán vivenciar co seu propio corpo para, posteriormente, podelas representar mentalmente.
Do mesmo xeito, aprenderán a orientarse espacialmente na súa casa, na súa clase, na súa rúa, no seu barrio…, de forma progresiva. Tamén aprenderán a orientárense no espazo gráfico. Este punto está estreitamente relacionado coa aprendizaxe da lectoescritura.
Paralelamente á adquisición das nocións espaciais vanse incorporando as referentes ó tempo. A aprendizaxe dos conceptos temporais abórdase desde a psicomotricidade por medio da interiorización dos ritmos e da secuenciación de elementos. Os nenos e as nenas, ó longo do período da Educación Infantil, deberán acadar unha axeitada estruturación espazo-temporal.
A lateralidade defínese como o predominio dun hemisferio cerebral sobre o outro. A lateralización de funcións non se manifesta ata os 3 anos; neste momento empeza a aparece-la preferencia por unha das mans, aínda que os nenos e as nenas continúan utilizando indistintamente as dúas. Non se consegue unha dominancia cerebral ata os 5 ou os 6 anos. Ás veces non existe unha dominancia igual para tódalas funcións; pódese ter unha maior precisión visual cun ollo, unha maior habilidade cunha determinada man e maior destreza cun pé concreto. A escola debe contribuír neste proceso de lateralización pola súa repercusión, entre outros factores, na aprendizaxe da lectoescritura.

Ao longo de todo este curso realizaremos xogos complementarios e psicomotrices variados, innovadores e divertidos que traballan, de forma motivadora e lúdica, tódolos aspectos mencionados anteriormente. Estes xogos psicomotores poderán realizarse no patio do colexio, na aula de psicomotricidade ou na clase, isto dependerá de cada actividade. Os materiais que se empregan son moi variados:aros, colchonetas, picas, ladrillos, escorregadoiro, pneumáticos, papel de periódico, folios, pandeiro, xices, ceras, lapis de cores, cintas adhesivas, tarxetas con debuxos e nomes, sinais de tráfico, caixas de cartón, máscaras, caretas… Estes xogos complementan e afianzan a aprendizaxe das diferentes nocións, habilidades e destrezas traballadas nas diversas fichas de cada unidade, por medio da vivencia corporal destes.

COMPETENCIAS BÁSICAS

Unha das finalidades da educación infantil é proporcionarlles a nenos e nenas unha educación completa, que abranga os coñecementos e, dado o carácter preparatorio da Educación Infantil, algunhas das competencias básicas que resultan necesarias na sociedade actual que lles permitan desenvolve-los valores que sustentan a práctica da cidadanía democrática, a vida en común e a cohesión social, que estimule nos pequenos e nas pequenas o desexo de seguir aprendendo e a capacidade de aprender por si mesmos. A adquisición destas competencias permite o desenvolvemento da capacidade do alumnado para regula-la súa propia aprendizaxe, confiar nas súas aptitudes e nos seus coñecementos, así como para desenvolve-la creatividade, a iniciativa persoal, o espírito emprendedor e a capacidade para resolve-los conflitos que se lles presenten na súa vida cotiá.
As competencias básicas constitúen un saber facer, un saber ser e estar, é dicir, un saber que se aplica, que pode adecuarse a unha diversidade de contextos e que ten un carácter integrador; este saber abrangue coñecementos, procedementos e actitudes. Inclúen o desenvolvemento de capacidades e non a aplicación de contidos puntuais. Constitúen unha combinación de destrezas, coñecementos e actitudes adecuadas ó contexto; precísanas tódalas persoas para a súa realización e desenvolvemento persoal. Deben seguir desenvolvéndose, manténdose e actualizándose como parte dunha aprendizaxe ó longo de toda a vida. A incorporación de competencias básicas ó currículo permite poñe-lo acento naquelas aprendizaxes que se consideran imprescindibles. Constitúen un elemento curricular máis pero non se engloban dentro de ningunha área curricular concreta; teñen un carácter globalizador e integrador polo que o proxecto Papapapú, considera importante incluílas, xa desde a etapa da Educación Infantil.
Hai que definir cales son estas competencias, que as caracteriza e cal é o nivel que se considera básico en cada unha delas e que, polo tanto, deben alcanzar tódolos alumnos e tódalas alumnas. Non constitúen aprendizaxes mínimas comúns pero orientan o proceso de ensinanza porque permiten identifica-los contidos e os criterios de avaliación que teñen carácter imprescindible. As competencias básicas forman parte das ensinanzas mínimas, complementan os elementos do currículo e danlle un enfoque integrador. Cómpre poñelas en relación cos obxectivos, cos contidos e cos criterios de avaliación se se quere consegui-lo seu desenvolvemento efectivo na práctica educativa cotiá.

A nova Lei de educación establece a seguinte clasificación de competencias básicas:Competencia na comunicación lingüística: refírese á utilización da linguaxe como instrumento tanto de comunicación oral e escrita coma de aprendizaxe e de regulación de condutas e emocións. Esta competencia está referida ó uso polo neno e pola nena das catro destrezas da linguaxe (escoitar, falar, ler e escribir) para construí-lo pensamento, expresar e interpretar ideas, sentimentos ou feitos de forma apropiada e en distintos contextos sociais e culturais e para regula-la conduta, tanto na lingua propia coma no resto das linguas que se utilizan na aprendizaxe.
No caso do neno e da nena destas idades, as destrezas de falar e escoitar son prioritarias na súa lingua e exclusivas na lingua estranxeira, pero isto non impide o achegamento ó código escrito, e sobre todo, á literatura infantil a través de contos e relatos. O desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística está íntimamente ligado, tanto na comprensión coma na expresión, co resto de códigos de comunicación, principalmente co xesto e co movemento mediante a linguaxe corporal e o uso da imaxe e a representación coa linguaxe icónica. O uso destas linguaxes potencia o desenvolvemento das habilidades lingüísticas, crear vínculos cos demais e co contorno, transforma-la realidade, construí-la convivencia e desenvolver unha personalidade firme e segura.
A partir dos cinco anos, o neno ou a nena é competente para expresarse de forma clara e coherente cun vocabulario axeitado á súa idade; de describir obxectos, persoas e situacións; de comprende-la información dun conto ou relato lido por outra persoa e a información visual de viñetas, fotografías, pictogramas, diapositivas, xornais…; de memorizar e recitar pequenas poesías, refráns e cancións na propia lingua e estranxeira. Do mesmo xeito é competente para relatar historias e ler e escribir palabras e frases relevantes relativas ó seu contorno ou vivencias.

Competencia matemática: habilidade para utilizar números e as súas operacións básicas, os símbolos e as formas de expresión e razoamento matemático para producir e interpretar informacións para coñecer máis sobre aspectos cuantitativos e espaciais da realidade e para resolver problemas relacionados coa vida diaria.
A partir dos cinco anos, o neno ou a nena é competente para identificar e utiliza-los cuantificadores básicos de cantidade, tamaño, espaciais, temporais…; os números de un díxito e asocialos á cantidade; de nomear, identificar e representar formas xeométricas básicas; de agrupar atendendo a dous ou máis criterios (números, formas, obxectos, cores) e resolver problemas sumando ou restando.

• Competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico: habilidade para interactuar co mundo físico, tanto nos seus aspectos naturais como nos xerados pola acción humana, de modo que facilite a comprensión de sucesos, a predición de consecuencias e a actividade dirixida á mellora e á preservación das condicións de vida propia, dos demais homes e das demais mulleres e do resto dos seres vivos.
Ó final deste ciclo, o neno ou a nena é competente para localizar e orientarse en espazos cotiáns, para situarse no tempo e localizar acontecementos relevantes; para definir e identificar elementos representativos da súa realidade máis próxima (profesións, medios de comunicación, animais…).

Tratamento da información e competencia dixital: habilidades para buscar, obter, procesar e comunica-la información e transformala en coñecemento. Inclúe aspectos diferentes que van desde o acceso e selección de información ata o uso e a transmisión desta en distintos soportes, así como a utilización das tecnoloxías da información e da comunicación como un elemento esencial para se informar e para comunicarse.

Competencia social e cidadá: permite vivir en sociedade, comprende-la realidade social do mundo no que se vive e exerce-la cidadanía democrática. Incorpora formas de comportamento individual que capacitan as persoas para conviviren nunha sociedade cada vez máis plural, relacionarse cos demais, cooperar, comprometerse e afronta-los conflitos. Supón ser capaz de se poñer no lugar do outro, acepta-las diferenzas, ser tolerante e respecta-los valores, as crenzas, as culturas e a historia persoal e colectiva dos outros.

Competencia cultural e artística: supón apreciar, comprender e valorar criticamente diferentes manifestacións culturais e artísticas, utilizalas como fonte de gozo e enriquecemento persoal e consideralas como parte do patrimonio cultural dos pobos. Supón igualmente aprecia-la expresión de ideas, experiencias ou sentimentos de forma creativa, a través de diferentes medios de expresión (a música, as artes visuais, as artes escénicas, a linguaxe verbal, a linguaxe corporal, as artes populares…).

Competencia para aprender a aprender: supón iniciarse na aprendizaxe e ser capaz de continuala de maneira autónoma. Implica poder desenvolverse ante as incertezas e tratar de procurar respostas que satisfagan a lóxica do coñecemento racional. Consiste en admitir diversidade de respostas posibles ante un mesmo problema e atopar motivación para buscalas desde diversos enfoques metodolóxicos. Require ser consciente do que se sabe e do que queda por aprender, de como se aprende, e de como se xestionan e controlan de forma eficaz os procesos de aprendizaxe para optimizalos segundo as propias capacidades orientándoas ás necesidades persoais. É dicir, coñece-las propias potencialidades e carencias de xeito que tire proveito das primeiras e se esforce para supera-las segundas co fin de sentirse seguro ante novos retos de aprendizaxe e motivado a emprendela ante a perspectiva de éxito.

Autonomía e iniciativa persoal: refírese á posibilidade de operar con criterio propio e levar adiante as iniciativas necesarias para desenvolve-la opción elixida e facerse responsable dela, tanto no ámbito persoal coma no social. Esixe o desenvolvemento de valores persoais tales como a dignidade, a liberdade, a autoestima, a seguridade nun mesmo, a demora da satisfacción e a capacidade para enfrontarse ós problemas, á honestidade e á comprensión das normas que permiten crear un código moral propio.

• Competencia emocional: no desenvolvemento de cada unha das accións que a nena e o neno realizan, nun horizonte cada vez máis amplo e en contacto coas persoas que teñen un papel determinante na súa vida, constrúe o autoconcepto e desenvolve a autoestima. O autoconcepto integra todas as claves que sempre vai utilizar para interpreta-la realidade que o rodea e, especialmente, as relacións cos demais. O desenvolvemento da competencia emocional está asociado a unha relación positiva e comprometida cos demais. A actuación natural e sen inhibicións de forma habitual nas distintas situacións que lle toca vivir é a manifestación máis clara desa competencia emocional. Ó concluí-la Educación infantil, o neno ou a nena é competente para manifestar e asumi-lo afecto dos compañeiros e das compañeiras, de interesarse polos seus problemas ou de contribuír á súa felicidade. Tamén o son para controla-lo seu comportamento e tolera-la frustración de non obte-lo que queren e cando queren.

MÉTODOS PEDAGÓXICOS

Prodúcese unha aprendizaxe cando o neno ou a nena establece relacións significativas entre a súa experiencia previa e a nova información que se lle presenta, de forma que se produza unha modificación dos esquemas de coñecementos preexistentes e estes evolucionen cara a estruturas cada vez máis elaboradas e complexas. Isto implica unha metodoloxía baseada no principio de aprendizaxe significativa que parta dos coñecementos previos dos nenos e das nenas, que conecte cos seus intereses e coas súas necesidades e que lles propoña actividades atractivas dabondo para que aprecien de maneira sinxela e clara a finalidade e a utilidade dos novos contidos que van desenvolvendo. Daquela, aplicar unha metodoloxía baseada neste principio didáctico esixe ter en conta —ademais do xa mencionado— os seguintes requisitos:
• Detecta-los coñecementos previos do alumnado para poder realiza-la intervención axeitada.
• Presentar situacións que non estean moi afastadas nin excesivamente próximas ás súas experiencias para provoca-lo conflito cognitivo que actuará de resorte para que os nenos e as nenas propoñan solucións para cada situación.
• Organiza-los contidos da Educación Infantil tendo en conta que é o neno ou a nena quen ten que asimilalos. O establecemento de contidos que actúen como organizadores previos, a planificación de eixes temáticos, centros de interese ou fíos condutores e o repaso regular e periódico dos contidos abordados con anterioridade contribúen a que os nenos e as nenas sintan confianza e seguridade ante as situacións que se lles presenten.
O esquema de contidos incluído en cada unidade didáctica recolle os contidos tratados nela e as relacións máis significativas que se establecen entre eles.
Para conseguir que as aprendizaxes dos nenos e das nenas sexan significativas e que estas sexan o resultado do establecemento de múltiples conexións, de relacións entre o novo e o xa aprendido, é imprescindible que o proxecto sexa concibido baixo unha perspectiva globalizadora.
Os nenos e as nenas que nos ocupan atópanse en posesión dun pensamento sincrético, é dicir, captan a realidade como un todo.
Cando os nenos e as nenas destas idades realizan calquera actividade, implícanse totalmente nela e poñen en xogo mecanismos diversos: cognitivos, psicomotores, afectivos, de comunicación, de atención… Con todo, eles non saben que están descubrindo o medio, que están adquirindo un maior coñecemento do seu corpo, que están progresando na súa autonomía persoal, que están ampliando o seu vocabulario, ou que están coñecendo as súas posibilidades expresivas; só pretenden resolver, de forma entusiasta, unha tarefa que necesita a súa participación activa.
De aí que o proxecto co que traballamos se basee, fundamentalmente, no principio de globalización. Trátase, pois, dun proceso global de achegamento á realidade que se quere coñecer. Este proceso será frutífero se permite establecer relacións e construír significados máis amplos e diversificados. Este carácter globalizador non é incompatible coa conformación do currículo en áreas que constitúen un conxunto relacionado cos ámbitos máis significativos do coñecemento para cuxo desenvolvemento o profesorado debe propiciar actividades que contribúan ó desenvolvemento integral do neno e da nena e, con este fin, crear un clima de seguridade e afecto.
Se atendemos a este principio, o proxecto trata os contidos do nivel da Educación Infantil de forma global, e interrelaciona as tres áreas ou ámbitos de experiencia que forman o currículo.
Deste xeito, os contidos organízanse en unidades didácticas significativas para o neno e a nena, que, partindo dos seus propios intereses, vinculan debida e ordenadamente os elementos informativos novos cos que xa teñen.
A actividade é a principal fonte de aprendizaxe e desenvolvemento dos nenos e das nenas. Cómpre tanto para o seu desenvolvemento físico e psicomotor, coma para a construción do coñecemento.
Por isto, a ensinanza ten que ser activa, e debe darlle tempo e ocasión a que o neno e a nena participen e sexan protagonistas da súa propia aprendizaxe. Hai que utilizar estratexias que os estimulen a ser creativos e que alenten o desenvolvemento da imaxinación e da capacidade de observación.
A través da acción e da experimentación, os nenos e as nenas expresan os seus intereses e as súas motivacións e descobren relacións, propiedades de obxectos, formas de actuar, normas… En definitiva, aprenden.
Unha das principais fontes de actividade nestas idades é o xogo. É necesario dotar de carácter lúdico calquera actividade que vaiamos realizar para o que se debe evita-la división entre xogo e traballo xa que o xogo é o traballo dos nenos e das nenas. É a actividade principal que realizan, favorece a elaboración e o desenvolvemento das estruturas do coñecemento. O xogo é o vehículo que utilizan para se relacionaren e para aprenderen da realidade que os rodea.
Así mesmo, cómpre potencia-lo xogo autónomo, tanto o individual coma o realizado en equipo, pola seguridade afectiva e emocional, pola integración dos nenos e das nenas entre si e cos adultos. Non hai que esquecer que a interacción con outros nenos e con outras nenas constitúe un importante recurso metodolóxico que os axuda no seu proceso social, afectivo e intelectual. Neste sentido, a escola debe ofrecer espazos e materiais que axuden a crear un ambiente de xogo estimulante e que teña en conta as necesidades do alumnado.
A ensinanza activa contemplámola cunha ampla proposta de actividades individuais e de grupo, nas que nenos e nenas poderán desenvolve-las súas capacidades de manipular, explorar, observar, experimentar, crear…, que lles permitirán aplicar e construí-los seus propios esquemas de coñecemento. O traballo en grupo potencia a participación e mellora a capacidade de expresión, o cal é, sen dúbida, un dos eixes principais para un bo desenvolvemento cognitivo e emocional.
Un principio metodolóxico moi ligado á actividade é a motivación, que se tivo moi en conta para a elaboración do proxecto. É absolutamente necesario que neno e nena se sintan atraídos cara á aprendizaxe. Nisto xoga un papel moi importante que os obxectivos, os contidos e as actividades teñan un nivel axeitado, que respondan ós seus intereses e que os métodos e recursos sexan atractivos e faciliten a aprendizaxe.
Ao longo deste curso recurriremos a diferentes tipos de estímulos para lograr que nenos e nenas estean motivados:
• Observación, manipulación e exploración.
• Situacións apropiadas de comunicación verbal, plástica e psicomotriz.
• Estímulos afectivos con gabanzas e premios, que son fundamentais pola satisfacción que reportan.
En canto ao principio de socialización, o egocentrismo é un trazo propio nestas idades e cómpre que o superen. Neste sentido, o proxecto propón gran cantidade de actividades de grupo nas que os nenos e as nenas aprenderán comportamentos e normas, así como a compartir, a respectar, a participar e, en definitiva, a relacionárense cos demais.
Hai que valorar constantemente a participación, o compañeirismo, a axuda e o respecto cara ós demais…, de tal forma que o neno e a nena se sintan inclinados a repetir eses comportamentos que lles proporcionan gratificacións afectivas e a supera-lo egocentrismo propio desta idade; así desenvolverán a súa capacidade de relación, a súa autonomía e a súa independencia.
A participación da familia a escola é fundamental xa que a aprendizaxe dos nenos e das nenas de 3 a 6 anos está moi centrada nas súas vivencias, nas rutinas da vida cotiá. Debe existir unha continuidade entre o que fan dentro da escola e o que fan fóra dela. A existencia de relacións fluídas entre a familia e a escola vai permitir que se teñan criterios comúns e pautas homoxéneas de actuación que favorecerán o proceso de aprendizaxe e o desenvolvemento harmónico da personalidade dos nenos e das nenas.

Sendo consciente da importancia da vinculación da familia, ao inicio de cada unidade didáctica proponse un material destinado ós pais ou titores no que se lles informa dos aspectos traballados ou que se van traballar e no que se lles ofrecen unhas suxestións que facilitarán o afianzamento das aprendizaxes realizadas e a implicación na educación dos seus fillos e das súas fillas, en estreita colaboración coa escola.
Ademais, a través do Libro para a familia, os pais e as nais estarán informados sobre aspectos educativos importantes que se van traballar cos seus fillos e coas súas fillas. Contén un apartado que lles vai permiti-lo contacto continuo co centro e cos docentes e que lles proporcionará información sobre todo o que crean conveniente relativo ós seus fillos e ás súas fillas.
A sociedade actualmente depende en gran medida das novas tecnoloxías informáticas; así, o sistema educativo debe integralas nas súas ensinanzas desde idades moi temperás. O ordenador é un medio que enriquece o contexto de aprendizaxe dos nenos e das nenas xa que fai que o proceso de ensinanza sexa máis motivador. Así mesmo, posibilita a aprendizaxe por descubrimento, favorece o traballo en grupo, o desenvolvemento da curiosidade e, ademais, a realidade virtual que proporciona o ordenador potencia a capacidade de abstracción.

CARACTERÍSTICAS EVOLUTIVAS DO NENO E DA NENA DE 3 ANOS:

Os nenos e as nenas de 3 a 6 anos presentan unha serie de características cognitivas, afectivas, psicomotoras, de linguaxe, de hábitos de conduta…, que hai que ter en conta á hora de planifica-la acción educativa. Aínda que existan unhas pautas comúns para un mesmo intervalo de idade, isto non quere dicir que tódolos nenos e tódalas nenas evolucionen do mesmo xeito.
Antes de empezar a amosa-las características evolutivas, convén aclarar que se trata dunha serie de fitos evolutivos cuxa consecución será o resultado dun proceso que se desenvolverá ó longo do ano, non de algo xa conseguido. Nesta consecución, o papel que a escola desempeñe será algo fundamental, xa que, partindo do que os nenos e as nenas poden ser capaces de conseguir, planificará toda unha serie de estratexias, xogos e actividades que contribúan a estes logros.

O pensamento do neno e da nena desta idade caracterízase por ser concreto, é dicir, o desenvolvemento da súa intelixencia require que continuamente experimenten e manipulen a realidade que os rodea. Comézase a afianza-la función simbólica, que lles permitirá evoca-lo que está ausente, de xeito que, progresivamente, irán pasando da acción e da manipulación dos obxectos á súa representación.
O desenvolvemento cognitivo está condicionado en gran medida polo desenvolvemento da linguaxe. Os nenos e as nenas están pasando da aprendizaxe sensorial á intuitiva, comezan a preve-las consecuencias das súas accións e empezan a soluciona-los problemas que se lles presentan na súa vida cotiá. Aínda non son capaces de se desligar de todo dos seus puntos de vista pero, pouco a pouco, irán descubrindo que o seu aquel de ve-las cousas non ten por que coincidir co dos demais; paulatinamente tomarán conciencia e comprenderán que a forma de actuar e de comportarse dos demais depende dunha serie de motivacións, desexos e necesidades que poden non coincidir coas súas. Intentarán axusta-lo seu comportamento para integrarse e interactuar coas persoas do seu medio.
Pouco a pouco serán capaces de realizar deducións simples e clasificacións seguindo algúns criterios moi sinxelos. A esta idade terán dificultades para establecer relacións causais, temporais e lóxicas.
No ámbito psicomotor, os nenos e as nenas son moi áxiles, os seus movementos son suaves e harmónicos. Progresivamente, serán capaces de disocia-los seus movementos ó realizaren asemade acenos diferenciados nos membros superiores e inferiores. Gústalles empezar a amosarse independentes e senten atracción pola actividade física. Van coñecendo o seu corpo pouco a pouco, as súas posibilidades e limitacións motrices, van adquirindo confianza sobre o que son capaces de facer con el e van avanzando no control dos seus movementos. Gústalles correr e parar, facer xiros, gabear, sortear obstáculos, andar en tódalas direccións, patear, saltar cos pés xuntos, subir e baixar escaleiras e bailar, malia que aínda non dominan o ritmo. Poderán mante-lo equilibrio sobre diferentes superficies; manteranse sobre un pé durante certo tempo; equilibraranse sobre a punta dos pés e gardarán o equilibrio estático cos ollos pechados.
A coordinación óculo-manual aínda non é moi boa. Serán capaces de realizar diferentes accións que requiren desta coordinación, como abotoar un botón grande. Exercerán certo control sobre o lapis. Progresivamente, controlarán a partida e chegada do debuxo e poderán partir dun punto e chegar a outro dun só trazo; poderán completar e pechar figuras abertas e serán quen de copiar un círculo. Ós pequenos e ás pequenas gustaralles experimentar coa pintura de dedos e empregarán para iso todo o espazo gráfico. Irán adquirindo paulatinamente unha mellor percepción visual do espazo.
Os nenos e as nenas utilizan indistintamente a man esquerda e a dereita; progresivamente, irán afianzando a súa lateralidade, polo que é moi importante non meterlles presión en ningún sentido no tocante ó emprego dunha man sobre a outra.
Nesta idade, os nenos e as nenas afianzarán a súa identidade sexual e de xénero e utilizarana para defini-las súas preferencias. Chegarán a recoñece-lo seu propio sexo e interesaránlle-las diferenzas fisiolóxicas entre eles.
A linguaxe é un instrumento novo que aínda non dominan correctamente. O vocabulario que manexan os pequenos e as pequenas é extenso, dunhas 1000 palabras, que irán aumentando rapidamente, aínda que comprenden o significado de máis palabras das que empregan. Progresivamente, elaborarán enunciados de tres ou catro palabras de estrutura máis complexa e diferenciarán os tempos e os modos verbais. Nas súas conversas, utilizarán artigos e algúns pronomes e adverbios e aprenderán a facer correctamente a concordancia entre o artigo e o nome.
Os nenos e as nenas desta idade comezan a percibir que a linguaxe, ademais de ser un instrumento de comunicación, é un medio para controla-lo seu propio comportamento. Parece que xa captan o funcionamento do sistema lingüístico e que recoñecen algunhas normas básicas e simples, pero non as excepcións desas normas e, xa que logo, adoitan cometer erros. Tamén comezan a formular moitas preguntas, algunhas delas aparentemente sen sentido. Comentan todo o que ven, senten e imaxinan. Aínda non dominan a pronuncia dalgúns fonemas nin algunhas estruturas gramaticais, pero poden pronuncia-los sons fundamentais da lingua, aínda que, ás veces, nas súas conversas retroceden a unha pronuncia máis cómoda para eles. Ós pequenos e ás pequenas gústalles escoitar para aprender.
Comezan as primeiras amizades, gústalles estar con outros nenos e con outras nenas, aínda que seguen sendo egocéntricos e dominantes nas súas relacións. O seu círculo social irase ampliando. Progresivamente, serán capaces de establecer relacións afectivas fóra do ambiente familiar. A relación cos irmáns e coas irmás adoita ser moi cariñosa. Ós pequenos e ás pequenas gústalles xogar en parellas, en grupos de tres e, pouco a pouco, irán ampliando este número. No xogo hai unha identificación, fan imitacións tipificadas, como levar algo, mercar, dar… Tamén terán lugar as primeiras pelexas e rivalidades; a esta idade poden responder con certa agresividade ante a frustración polo que o papel do adulto como mediador é fundamental.
Empezarán a coñecer e a asimilar algunhas das normas que rexen a vida en sociedade, así como a entende-lo que é compartir. Por outra banda, é importante que adquiran progresivamente hábitos de coidado e seguridade persoal, posto que poderán discriminar e, daquela, evitar algunhas situacións, accións e obxectos que poden ocasionarlles perigo (escaleiras, tesoiras, coitelos, enchufes, mistos…).
Os pequenos e as pequenas aprenderán a comer sós, sen que lles caia a comida ou a bebida, e empezarán a utiliza-lo garfo. Terán a habilidade necesaria para espírense sós e para vestírense sen axuda ou con pouca axuda do adulto malia que aínda non saberán abotoar algunhas pezas de vestir. Sentiranse moi orgullosos do que son quen de facer, gustaralles esa autonomía que pouco a pouco van ir adquirindo. Ó neno e á nena agradaralles que se lles loe, mostraranse colaboradores e dispostos a faceren pequenos “traballiños” na casa e na clase. En canto á orde, saberán que cada cousa debe estar no seu sitio, pero igual que imitan a orde, tamén imitarán a desorde.
Os nenos e as nenas teñen o seu propio concepto da xustiza, saben que deben dici-la verdade e que non deben mentir. Saben distinguir entre verdade e mentira. Tenden a ser sinceros, pero tamén, se non son educados correctamente, poden descubri-las vantaxes de mentir para obte-lo que desexan.

OBXECTIVOS DA EDUCACIÓN INFANTIL

O Decreto 330/2009, do 4 de xunio, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, recolle no Artigo 4º os seguintes obxectivos:
A educación infantil contribuirá a desenvolver en as nenas e nenos as capacidades que lles permitan:
a) Coñecer o seu propio corpo e o das outras persoas, as súas posibilidades de acción e aprender a respectar as diferenzas.
b) Observar e explorar o seu ámbito familiar, natural e social.
c) Adquirir progresivamente autonomía nas súas actividades habituais.
d) Desenvolver as súas capacidades afectivas.
e) Relacionarse cos demais e adquirir progresivamente pautas elementais de convivencia e de relación social, así como exercitarse na resolución pacífica de conflitos.
f) Desenvolver habilidades comunicativas en diferentes linguaxes e formas de expresión.
g) Iniciarse nas habilidades lóxico-matemáticas e achegarse á lectura e escritura como medio de comunicación, información e gozo.
h) Sentir o xesto, o movemento e o ritmo como recursos para a expresión e a comunicación.
i) Achegarse, na medida das súas posibilidades, ao uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

ÁREAS DE COÑECEMENTO NA EDUCACIÓN INFANTL

O Artigo 6º do Decreto 330/2009, do 4 de xunio, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia recolle que na educación infantil existen as seguintes áreas de coñecemento.
1. Os contidos educativos da educación infantil organizaranse en áreas correspondentes a ámbitos propios da experiencia e do desenvolvemento infantil e abordaranse por medio de actividades globalizadas que teñan interese e significado para as nenas e os nenos.
2. As áreas da educación infantil son as seguintes:
-Coñecemento de se mesmo e autonomía persoal.
-Coñecemento do ámbito.
-Linguaxes: comunicación e representación.
Estas áreas deben entenderse como ámbitos de actuación, como espazos de aprendizaxes de todo orde: de actitudes, procedementos e conceptos, que contribuirán ao desenvolvemento de nenas e nenos e propiciarán a súa aproximación á interpretación do mundo, outorgándolle significado e facilitando a súa participación activa nel.
3. Dende o primeiro ciclo porase atención ao desenvolvemento da autonomía da nena e do neno, á creación dos primeiros vínculos sociais e á conquista do linguaxe. Fomentarase unha primeira aproximación á lectura e á escritura, así como a experiencias de iniciación temperá en habilidades numéricas básicas, nas tecnoloxías da información e a comunicación
e na expresión visual e musical. Así mesmo, fomentarase unha primeira aproximación á lingua estranxeira nas aprendizaxes do segundo ciclo da educación infantil, especialmente no último ano.
4. Os métodos de traballo en ambos os dous ciclos basearanse nas experiencias, as actividades e o xogo, e aplicaranse nun ambiente de afecto e confianza para potenciar a autoestima e integración social.

FINS DA EDUCACIÓN INFANTIL

No Artigo 3º do Decreto 330/2009, do 4 de xunio, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia recóllense os seguintes Fins da educación infantil:
1. A finalidade da educación infantil é a de contribuír ao desenvolvemento físico, afectivo, social e intelectual das nenas e dos nenos.
2. Na educación infantil atenderase progresivamente ao desenvolvemento afectivo, ao movemento e aos hábitos de control corporal, ás manifestacións da comunicación e da linguaxe, ás pautas elementais de convivencia e relación social, así como ao descubrimento das características físicas e sociais do medio. Ademais, facilitarase que nenas e nenos elaboren unha imaxe de sí mesmos positiva e equilibrada e adquiran autonomía persoal.
3. Potenciarase a transmisión daqueles valores que favorezan a liberdade persoal, a responsabilidade, a cidadanía democrática, a solidariedade, a tolerancia, o respecto, a xustiza, a prevención de conflitos e a resolución pacifica destes, a non violencia en todos os ámbitos da vida persoal, familiar e social, así como o desenvolvemento da igualdade de dereitos e oportunidades e o fomento da igualdade entre homes e mulleres.