CONTOS MOTORES

Nesta sesión traballamos os contos motores, que axudan aos nenos e nenas a mellorar a Expresión Corporal, a creatividade e a súa imaxinación.


DECORACIÓN DE CABAZAS


Xa sexa como adorno ou como ingrediente básico de moitas receitas, a cabaza é a protagonista indiscutible do Samaín. A cabaza é orixinaria de América e pertence á familia das cucurbitáceas.
Producto de outono por excelencia, a cabaza é o froito da cabaceira, unha planta orixinaria de América que pertence á familia das cucurbitáceas. Hainas de tamaños, cores e formas moi diferentes, dependendo da variedade.
A máis coñecida ten forma redonda e aparece decorando moitos fogares durante a festa do Samaín (en EEUU teñen unha tradición similar, o Halloween, aínda que alí só ten século e medio de antigüidade).

Como en anos anteriores, co gaio do SAMAÍN, imos facer unha exposición coas cabazas que os nenos/as decoren (con axuda dos papás/mamás,...).
Tallar a cabaza é unha actividade divertida para toda a familia, dende os máis pequerrechos ata os máis grandes. Aquí tedes algunhas pistas e ideas para facer cabazas moi bonitas...
1) Primeiro, elixir a cabaza, se é posible. Intentade conseguir una cabaza de tamaño mediano (polo menos 30 cm de alto se pensades meterlle unha vela), coa pel lisa e cun bo tallo.

2) Cun lápis ou rotulador lavable, debuxádelle a cara que queredes conquerir -alegre, ameazante, enfadada, ¡o que queirades!-

3) Cubride a zona de traballo con moito papel de periódico, e asegúrate que todos os participantes levan un delantal ou roupa vella.

4) Para a tapa, debuxade un círculo (ou un pentágono ou hexágono, máis difíciles de debuxar pero máis doados de cortar) polo menos de 25 cm de diámetro ó redor do tallo. (¡SÓ PARA ADULTOS!) Cun coitelo forte, cortádeo en ángulo (coa punta do coitelo apuntando cara ó centro da cabaza) para evitar que despois a tapa caia dentro da cabaza. TRUCO: non saquedes o coitelo da cabaza ata que cortaras todo o círculo, así evítanse bordes desiguais.

5) Sacade a tapa, e quitade as sementes pegadas. TRUCO: se queredes que a vosa casa despois ula a canela, espolvoreade un pouco de canela moída enriba da carne da tapa.
6) Esta parte adoita gustarlle ós nenos pequenos: Cunha culler grande, quitade todas as sementes de dentro da cabaza.

7) Agora tócalle ás mans máis fortes: Cando xa se quitou todo o "pegañento" de dentro, hai que raspar as paredes da cabaza dende dentro, quitando o que se poida da carne. Non tedes que quitar toda a carne, só a suficiente para deixar as paredes finas (para que sexa máis doada de tallar) pero firmes, aproximadamente uns 3 cm de ancho.

8) Escavade unha base no "chan" da cabaza para soportar unha vela, pero coidado, non a fagades demasiada fina para que non podreza.
9) Agora a cabaza está lista para tallar. Comezando no centro do deseño (para non presionar zonas xa talladas), recortade con moito coidado as formas debuxadas. Isto require moito coidado, por seguridade e tamén para non estropear o deseño. "Marcade" cada liña algunhas veces coa punta do coitelo antes de insertalo, e facede varios cortes pequeniños en troques dun grande. Cando xa teñades unha peza cortada, empurradea dende dentro cun dedo (¡isto encántalles ós nenos pequenos!). Teredes que facer algunhas formas, como sorrisos con dentes, en varias pezas. TRUCO: se por accidente cortades un anaco que non forma parte do deseño, podedes "coselo" no seu sitio con palillos, ou cambiade o deseño para incorporar o accidente - ¡a veces os mellores deseños saen de imprevistos!
10) Agora é o momento de apreciar a obra de arte. Colocade dentro unha vela, acendedea, tapade a cabaza e apagade as luces. ¿Abraiante, non si? Tedes que asentar ben a vela. Se cae, a cabaza arde con facilidade e é perigoso. Tampouco deberiades deixar a cabaza “acesa” de noite, pola mesma razón. Por iso se recomendan as velas baixas (tipo bolboreta), de base metálica e ancha. Tamén pode utilizarse algún tipo de bombilla eléctrica con pila se a cabaza vai estar estática nalgún lugar. TRUCO: se a vela non se mantén acesa, pode ser que non estea recibindo suficiente aire. Intentade ampliar algúns dos ocos, ou cortade un "v" na tapa no lado oposto da cara para que non se vexa.
Para alongar a vida da cabaza, cubride as superficies cortadas (os ollos, a boca, a tapa, o interior das paredes, etc.) con vaselina ou algo similar. Isto evita que se deshidrate e podreza. Tampouco a deixedes ó sol. Pola noite, cando non estea asustando á familia ou ós veciños, gardadea na neveira, se é posible. Se non o é, nun lugar fresco e oscuro. Se a túa cabaza se deshidrata e enruga, podes reavivala sumerxíndoa nun cubo de auga.Poñede as sementes (ben lavadas) no forno a temperatura baixa durante aproximadamente unha hora para conseguir unhas pebidas deliciosas.

VOZ NATURA

A Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, vinculada a “La Voz de Galicia”, promove a educación ambiental nos centros escolares mediante un concurso chamado Voz Natura. Neste concurso participan colexios de toda Galicia con proxectos de actividades encamiñados ó respeto polo entorno.
O noso centro decidiu presentarse neste curso 09-10 co  proxecto “DO ALUMINIO AO BOSQUE” encamiñado a reciclar o papel de aluminio que os nenos/as traen nos bocadillos para convertilo en árbores  autóctonas que prantaremos nun terreo, coa axuda de pais/nais, mestres/as, etc.
A idea de participar en VOZ NATURA surxiu ó ver o que está ocorrendo ó noso redor: cambio climático, contaminación de ríos e mares, pérdida do suelo fértil, desaparición de especies, ... 
Creemos que entre todos podemos cambiar esta situación. Por iso, intentamos que os nenos/as valoren o seu entorno natural , as consecuencias dos seus comportamentos no medio, e comprendan a importancia da súa capacidade para melloralo; en definitiva, garantizar o seu futuro nun mundo máis habitable.

O SAMAÍN


A orixe do Halloween norteamericano remóntase ós celtas e a fiesta chegou a Estados Unidos por emigrantes europeos no século XIX. Naquel país  é costume que os nenos se disfracen na noite do 31 de outubro e pidan doces polas casas, unha costume que tamén acabou exportándose a outros países occidentais.

Nos séculos pasados, e ata non hai moitos anos, nas zonas máis rurais galegas a noite do 31 de outubro ao 1 e novembro era a noite máis misteriosa do ano, as portas do outromundo abríanse nesas horas e as ánimas eran quen de vir visitar este mundo e aos seus moradores para render contas inacabadas.
Para afastar as perigosas ánimas defuntas e errantes incorporouse na cultura popular a tradición de poñer no alto das muradas, ou encastradas nas paredes as caliveiras na cortiza dos melóns, cabazos ou calabazotes. Tradición que se estende por toda a antiga xeografía céltica europea incluindo a toda Galiza.
Así a semana anterior ao 31 de outubro celebraremos o Samaín, palabra gaélica, pero acuñada como referencia común para esta festa, tan tradicional nas zonas rurais galegas, que non significa máis que o fin do verán, principio do inverno.

¡FELIZ SAN FROILÁN!

Un ano máis, e xa van 255, Lugo celebra con ilusión a súa tradicional cita de San Froilán. As festas que levamos un ano esperando convertíronse, co esforzo e a participación de toda a cidade e de centos de miles de visitantes, nas festas patronais máis importantes e populosas de toda Galicia.
As festas de San Froilán lucen con enorme satisfacción a lenda de Festa de Interese Turístico Nacional, concedida polo Ministerio de Industria e Turismo. Con este recoñecemento, as festas gozan dun espírito aínda máis universal, se cabe, e invita a todo o mundo a coñecer Lugo para compartir as numerosas actividades programadas polo Concello con carácter totalmente gratuíto. Ademais non faltará a famosa gastronomía lucense e, en especial, o polbo á feira.
A diversión chega para os máis cativos da man do San Froilanciño que se consolida cunha programación especial para os pequenos da casa.

Só queda dicir... VIVA SAN FROILÁN!


CONSELLOS PARA A FAMILIA DURANTE O PERIODO DE ADAPTACIÓN:

Como sabedes, estes días estámolos a dedicar á ADAPTACIÓN DOS NENOS Á ESCOLA.
Para a maioría esta é a primeira vez que se separan de vós. Coa familia séntense mais SEGUROS e protexidos e na Escola atópanse cunha situación TOTALMENTE descoñecida: non se coñecen cos outros nenos, nin coas educadoras, nin coñecen o centro......
É un cambio moi brusco, e por iso consideramos necesario este período para que o neno/a vaia pouco a pouco asimilando esta separación
É importante recalcar que CADA NENO/A NECESITA o SEU TEMPO, TODOS OS NENOS/AS NON SON IGUAIS, polo tanto a adaptación duns e doutros tamén será distinta.
¡ÁNIMO e PACIENCIA!

Aquí vos deixo algúns consellos que xa vos dei na reunión inicial pero que nunca vai mal recordalos:
- É importante que os nenos/as vos vexan CONVENCIDOS Y CONTENTOS. Non vos sintades culpables (evitade comentarios como "pobre", qué pena".....)
- NON PROLONGUEDES O ADEUS. Despedirvos con naturalidade, polo camiño. Tampouco se trata de marchar correndo, se non lle dicides nada se sentirá abandonado. pouco a pouco irá entendendo que durante un anaco vós vos ides e el queda
- NON RETROCEDADES. Ás veces tentaravos dar media volta, pero se facedes isto acabará por utilizar o seu choro como arma.
- CREAR ACTITUDES POSITIVAS. Falar ben na casa das educadoras, dos outros nenos, do bonita que é.....
-NON FACER COMENTARIOS NEGATIVOS: "Se te portas mal irás á escola", " mira que a señorita che berrará"....
- Poden aparecer COMPORTAMENTOS DIFERENTES: pipí, rabechas, vómitos, falta de apetito.... Intentar non lle dar importancia e sobre todo non facer comentarios mentres o neno está diante.
- INTERCAMBIAR TODA A INFORMACIÓN que facilite maior coñecemento dos nenos/as. Calquera cousa que se saia do habitual pode ser importante: enfermidade dun familiar, cambios de domicilio.... son pequenas cousas que nos axudan a coñecer mellor os vosos fillos.
- NON VOS ASUSTEDES. Poñémosvolo duro, pero de verdade, todo pasa e logo verédelos ir felices e contentos.

A EDUCACIÓN MUSICAL:

Tradicionalmente entendeuse a educación musical na escola desde unha perspectiva restritiva, foi entendida como un medio para forma-los alumnos e as alumnas nos distintos coñecementos musicais e para ir espertando as súas posibles aptitudes relacionadas coa materia.
Con todo, novas correntes pedagóxicas relacionadas coa educación musical poñen de relevo enfoques innovadores que salientan a importancia desta non só para desenvolver posibles aptitudes musicais senón para a formación integral da persoa.
Desde esta nova perspectiva, non se trata de coñecer e manexar aspectos meramente musicais, senón de utiliza-la música como ferramenta educativa capaz de promover obxectivos educativos de carácter extramusical. A escola xoga así un papel fundamental para conseguilo.
Sabemos actualmente que a música ten unha especial importancia no desenvolvemento integral da persoa e que a educación musical debe se-la encargada de orienta-la sensibilidade do neno e da nena, así como de desenvolve-las súas capacidades tanto psíquicas coma sociais. É un medio a través do cal lle chegan formas de expresión que son propias da súa cultura.
A música promove o desenvolvemento sensorial, motor, afectivo, mental, intuitivo e creativo do neno e da nena. Ademais, contribúe ó perfeccionamento da linguaxe; colabora para que consiga o correcto ordenamento psicomotriz, desenvolve a súa imaxinación, mellora as relacións interpersoais entre os compañeiros e as compañeiras e axúdaos a coñecer mellor o ambiente que os rodea.
Na Educación Infantil, a música é algo máis que cantar cancións. Supón unha educación rítmica, auditiva, do pensamento musical, que desenvolva sobre todo a creatividade e a expresión de sentimentos e emocións. A utilización do movemento serviría como medio de expresión e sensibilización motriz, visual e auditiva. A educación musical sería unha forma de coñece-lo propio corpo, de desenvolve-lo sentido rítmico e de fomenta-las relacións sociais e a creatividade. Hai que desenvolve-la capacidade natural, que desde estas idades se ten, para expresar e senti-la música utilizando, sobre todo, unha metodoloxía lúdica.
A música constitúe un aspecto que se traballa dentro do ámbito Comunicación e Representación, está integrada, xa que logo, dentro do ensino regrado. A música en si constitúe un elemento globalizador importantísimo para a aprendizaxe; existe unha relación clara entre os contidos de aprendizaxe da educación musical e as estratexias utilizadas nas restantes áreas ou nos restantes ámbitos de coñecemento da Educación Infantil.


Ao longo deste curso outórgarémoslle a importancia que merece, reservéndolle un espazo específico en cada unidade, no cal se desenvolverán distintas actividades musicais en estreita relación cos aspectos psicomotores. Para elo empregaremos CDs con cancións con diversidade de ritmos e melodías e sons, diversos instrumentos musicais,etc. As cancións, ademais de constituíren un elemento motivador e dinamizador da aprendizaxe, xiran arredor dalgúns dos contidos fundamentais das unidades didácticas coas que se vinculan, de maneira que, a través da vía artístico-musical, axudan os nenos e as nenas a descubrir e descifrar algunhas das realidades e das experiencias fundamentais que son obxecto de coñecemento no ámbito da Educación Infantil.

NOVAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN E DA COMUNICACIÓN:


A escola non pode permanecer á marxe das novas tecnoloxías da información e da comunicación. Os nenos e as nenas conviven desde o seu nacemento con todo tipo de equipos tecnolóxicos, e é un feito que viven con máis interese as actividades escolares e que manteñen mellor a atención se na aprendizaxe se empregan medios tecnolóxicos de información e de comunicación: televisión, cine, vídeo, DVD, fotografía e ordenador. Polo tanto, a linguaxe audiovisual e as tecnoloxías da información e da comunicación presentes na vida infantil, requiren un tratamento educativo que inicie os nenos e as nenas na comprensión das mensaxes audiovisuais e na utilización axeitada, identificando o papel que estas novas tecnoloxías teñen nas súas vidas. Na etapa da Educación Infantil deberán iniciarse no uso de diversos instrumentos tecnolóxicos (ordenador, reprodutores de imaxe e son...) e no coñecemento de diferentes producións audiovisuais, valorando progresivamente os seus contidos e tomando conciencia da necesidade de utilizalos moderadamente.
Os máis pequenos asumen con naturalidade a presenza do ordenador no medio escolar. A propia aprendizaxe é para eles un xogo; e o ordenador é un recurso didáctico para aprender e xogar.
Por outro lado, non podemos esquecer que actualmente o manexo do ordenador é unha necesidade. A sociedade actual utilízao en tódolos ámbitos; se queremos prepara-lo alumnado para que sexa membro activo e integrado da sociedade, deben coñecer e saber utilizar esta tecnoloxía. Polo tanto, é importante empezar esta preparación desde os primeiros niveis educativos.
Desta forma, o proxecto Papapapú propón traballar co ordenador uns materiais incluídos nun CD para cada curso que propoñen un conxunto de actividades, xogos, exercicios divertidos, atractivos, baseados no debuxo infantil, que incita os nenos e as nenas a resolver situacións de pequenos conflitos e fácil resolución e cuxa realización resulta gratificante e motivadora. En definitiva, consiste en xogar e aprender utilizando o ordenador.


Os contidos propios da Educación Infantil que a través destas novas habilidades e destrezas se van poder desenvolver serán:
3 anos:
• Movemento co rato, sinalar co rato, facer clic co rato, facer clic e arrastrar.
• As cores vermella, amarela e azul.
• Algúns conceptos espaciais.
• Sons e instrumentos musicais.
• Números 1, 2 e 3 e os conceptos correspondentes a estas cantidades.
• Cuantificadores e nocións básicas de medida.
• Parellas escondidas.
• Educación do trazo e direccionalidade.
• Introdución ás primeiras vogais.
• Descubrimento do medio: estacións, paisaxes, animais, tendas, medios de transporte…
• Figuras: círculo, cadrado e triángulo.

INTRODUCIÓN Á LINGUA EXTRANXEIRA:

A diversidade lingüística e cultural na escola, debido a fenómenos sociais, culturais, económicos, etc., fixo que se promova o ensino dunha lingua estranxeira e que se vaia incluíndo desde a Educación Infantil, especialmente no último ano. Así mesmo, cómpre desenvolver nesta etapa actitudes positivas cara á propia lingua e cara ós demais, espertando a sensibilidade e a curiosidade por coñecer outras linguas. Na introdución dunha lingua estranxeira debe valorarse o achegamento progresivo ós significados de mensaxes en contextos de comunicación coñecidos, fundamentalmente nas rutinas habituais da aula, espertando o interese dos nenos e das nenas por participar en intercambios orais en lingua estranxeira.
Debido á súa gran capacidade de memoriación e aprendizaxe, moitas investigacións sobre a implantación dun idioma estranxeiro nas primeiras idades estableceron entre os 4 e os 7 anos a idade apropiada para empeza-la aprendizaxe dunha segunda lingua, pola súa gran capacidade de memorización e aprendizaxe. Dado que o neno de 4-5 anos se está iniciando na aprendizaxe da lectoescritura, o ensino doutra lingua debe ser exclusivamente oral, en condicións similares ás que se dan cando aprenden a súa propia lingua. Coñecer outras linguas converteuse nunha necesidade e nunha esixencia para poder integrarse de forma natural nunha sociedade cada vez máis complexa en culturas e linguas.
Polo tanto, ao longo deste curso utilizaremos materiais complementarios que permitirán a incorporación do inglés como lingua estranxeira nas programacións de aula. Trátase de que os nenos e as nenas comecen a familiarizárense coa lingua inglesa.
Os contidos que se tratarán son os seguintes:
• Cores: azul, vermello, amarelo, verde, laranxa, branco e morado.
• Membros da familia: papá, mamá, avó, avoa, irmán, irmá, tío e tía.
• Números: 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 e 9.
• Festas e celebracións: Nadal.
• Saúdo: “bos días”, “boas noites”, “ola” e “adeus”.
• Frases curtas e sinxelas.
• Partes do corpo: man, cabeza, boca, ollo, barriga, pé…
• Nomes de animais: gato, can, vaca, paxaro, mono e peixe.
• Días da semana.

INICIACIÓN ÁS MATEMÁTICAS.

A nova Lei de educación considera que no nivel da Educación Infantil se debe procurar que os nenos e as nenas se inicien nas habilidades lóxico-matemáticas. Para coñecer e comprender como funciona a realidade, os pequenos e as pequenas indagan sobre o comportamento e as propiedades dos obxectos e materias presentes no seu medio: actúan e establecen relacións cos elementos do medio físico, exploran e identifican os devanditos elementos, recoñecen as sensacións que producen, anticípanse ós efectos das súas accións sobre eles, detectan semellanzas e diferenzas, comparan, ordenan, cuantifican pasando así da manipulación á representación, orixe das incipientes habilidades lóxico-matemáticas. Deste xeito e coa intervención educativa axeitada aproxímanse ó coñecemento do mundo que os rodea, estruturan o seu pensamento, interiorizan as secuencias temporais, controlan e encauzan accións futuras, e van adquirindo maior autonomía respecto ás persoas adultas.
A partir dos tres anos, o neno e a nena están pasando da aprendizaxe sensorial á intuitiva, empezan a soluciona-los problemas que se lles presentan na súa vida cotiá. Progresivamente serán capaces de facer deducións simples e clasificacións se seguen algúns criterios moi sinxelos, a pesar de que aínda non poden establecer algunhas relacións entre os obxectos.
Ós catro anos non posúen aínda pensamento lóxico, a pesar de que se van achegando. Isto permítelles realizar clasificacións e seriacións seguindo criterios algo máis complexos ca ós tres anos.
Ós cinco anos, os nenos e as nenas realizan as primeiras abstraccións e son capaces de operar coas imaxes mentais dos obxectos. O pensamento é máis lóxico e por este motivo conseguen realizar seriacións e clasificacións nas que atenden a varias calidades dos obxectos. Poden resolver por si mesmos algúns dos problemas que se lles presentan.

Ao longo deste curso utilizaremos materiais complementarios ó propio método, aínda que independentes del, que reforcen os contidos e principais conceptos matemáticos traballados nos materiais básicos e que sigan a seguinte secuencia de aprendizaxe:
& Cardinais 1, 2 e 3.
& Propiedades dos obxectos: igual-diferente e aberto-pechado. Cor.
& Nocións básicas de medida: grande-pequeno, longo-curto e alto-baixo.
& Cuantificadores básicos: máis que e cheo-baleiro.
& Formas planas: círculo e triángulo.
& Nocións espaciais básicas: dentro-fóra, enriba-abaixo, un lado-outro lado e diante-detrás.
& Iniciación á seriación.
& Series de cor, forma e tamaño.
& Iniciación á lectura de etiquetas.
& Iniciación ó razoamento lóxico.