DECORACIÓN DE CABAZAS


Xa sexa como adorno ou como ingrediente básico de moitas receitas, a cabaza é a protagonista indiscutible do Samaín. A cabaza é orixinaria de América e pertence á familia das cucurbitáceas.
Producto de outono por excelencia, a cabaza é o froito da cabaceira, unha planta orixinaria de América que pertence á familia das cucurbitáceas. Hainas de tamaños, cores e formas moi diferentes, dependendo da variedade.
A máis coñecida ten forma redonda e aparece decorando moitos fogares durante a festa do Samaín (en EEUU teñen unha tradición similar, o Halloween, aínda que alí só ten século e medio de antigüidade).

Como en anos anteriores, co gaio do SAMAÍN, imos facer unha exposición coas cabazas que os nenos/as decoren (con axuda dos papás/mamás,...).
Tallar a cabaza é unha actividade divertida para toda a familia, dende os máis pequerrechos ata os máis grandes. Aquí tedes algunhas pistas e ideas para facer cabazas moi bonitas...
1) Primeiro, elixir a cabaza, se é posible. Intentade conseguir una cabaza de tamaño mediano (polo menos 30 cm de alto se pensades meterlle unha vela), coa pel lisa e cun bo tallo.

2) Cun lápis ou rotulador lavable, debuxádelle a cara que queredes conquerir -alegre, ameazante, enfadada, ¡o que queirades!-

3) Cubride a zona de traballo con moito papel de periódico, e asegúrate que todos os participantes levan un delantal ou roupa vella.

4) Para a tapa, debuxade un círculo (ou un pentágono ou hexágono, máis difíciles de debuxar pero máis doados de cortar) polo menos de 25 cm de diámetro ó redor do tallo. (¡SÓ PARA ADULTOS!) Cun coitelo forte, cortádeo en ángulo (coa punta do coitelo apuntando cara ó centro da cabaza) para evitar que despois a tapa caia dentro da cabaza. TRUCO: non saquedes o coitelo da cabaza ata que cortaras todo o círculo, así evítanse bordes desiguais.

5) Sacade a tapa, e quitade as sementes pegadas. TRUCO: se queredes que a vosa casa despois ula a canela, espolvoreade un pouco de canela moída enriba da carne da tapa.
6) Esta parte adoita gustarlle ós nenos pequenos: Cunha culler grande, quitade todas as sementes de dentro da cabaza.

7) Agora tócalle ás mans máis fortes: Cando xa se quitou todo o "pegañento" de dentro, hai que raspar as paredes da cabaza dende dentro, quitando o que se poida da carne. Non tedes que quitar toda a carne, só a suficiente para deixar as paredes finas (para que sexa máis doada de tallar) pero firmes, aproximadamente uns 3 cm de ancho.

8) Escavade unha base no "chan" da cabaza para soportar unha vela, pero coidado, non a fagades demasiada fina para que non podreza.
9) Agora a cabaza está lista para tallar. Comezando no centro do deseño (para non presionar zonas xa talladas), recortade con moito coidado as formas debuxadas. Isto require moito coidado, por seguridade e tamén para non estropear o deseño. "Marcade" cada liña algunhas veces coa punta do coitelo antes de insertalo, e facede varios cortes pequeniños en troques dun grande. Cando xa teñades unha peza cortada, empurradea dende dentro cun dedo (¡isto encántalles ós nenos pequenos!). Teredes que facer algunhas formas, como sorrisos con dentes, en varias pezas. TRUCO: se por accidente cortades un anaco que non forma parte do deseño, podedes "coselo" no seu sitio con palillos, ou cambiade o deseño para incorporar o accidente - ¡a veces os mellores deseños saen de imprevistos!
10) Agora é o momento de apreciar a obra de arte. Colocade dentro unha vela, acendedea, tapade a cabaza e apagade as luces. ¿Abraiante, non si? Tedes que asentar ben a vela. Se cae, a cabaza arde con facilidade e é perigoso. Tampouco deberiades deixar a cabaza “acesa” de noite, pola mesma razón. Por iso se recomendan as velas baixas (tipo bolboreta), de base metálica e ancha. Tamén pode utilizarse algún tipo de bombilla eléctrica con pila se a cabaza vai estar estática nalgún lugar. TRUCO: se a vela non se mantén acesa, pode ser que non estea recibindo suficiente aire. Intentade ampliar algúns dos ocos, ou cortade un "v" na tapa no lado oposto da cara para que non se vexa.
Para alongar a vida da cabaza, cubride as superficies cortadas (os ollos, a boca, a tapa, o interior das paredes, etc.) con vaselina ou algo similar. Isto evita que se deshidrate e podreza. Tampouco a deixedes ó sol. Pola noite, cando non estea asustando á familia ou ós veciños, gardadea na neveira, se é posible. Se non o é, nun lugar fresco e oscuro. Se a túa cabaza se deshidrata e enruga, podes reavivala sumerxíndoa nun cubo de auga.Poñede as sementes (ben lavadas) no forno a temperatura baixa durante aproximadamente unha hora para conseguir unhas pebidas deliciosas.