CARACTERÍSTICAS EVOLUTIVAS DO NENO E DA NENA DE 3 ANOS:

Os nenos e as nenas de 3 a 6 anos presentan unha serie de características cognitivas, afectivas, psicomotoras, de linguaxe, de hábitos de conduta…, que hai que ter en conta á hora de planifica-la acción educativa. Aínda que existan unhas pautas comúns para un mesmo intervalo de idade, isto non quere dicir que tódolos nenos e tódalas nenas evolucionen do mesmo xeito.
Antes de empezar a amosa-las características evolutivas, convén aclarar que se trata dunha serie de fitos evolutivos cuxa consecución será o resultado dun proceso que se desenvolverá ó longo do ano, non de algo xa conseguido. Nesta consecución, o papel que a escola desempeñe será algo fundamental, xa que, partindo do que os nenos e as nenas poden ser capaces de conseguir, planificará toda unha serie de estratexias, xogos e actividades que contribúan a estes logros.

O pensamento do neno e da nena desta idade caracterízase por ser concreto, é dicir, o desenvolvemento da súa intelixencia require que continuamente experimenten e manipulen a realidade que os rodea. Comézase a afianza-la función simbólica, que lles permitirá evoca-lo que está ausente, de xeito que, progresivamente, irán pasando da acción e da manipulación dos obxectos á súa representación.
O desenvolvemento cognitivo está condicionado en gran medida polo desenvolvemento da linguaxe. Os nenos e as nenas están pasando da aprendizaxe sensorial á intuitiva, comezan a preve-las consecuencias das súas accións e empezan a soluciona-los problemas que se lles presentan na súa vida cotiá. Aínda non son capaces de se desligar de todo dos seus puntos de vista pero, pouco a pouco, irán descubrindo que o seu aquel de ve-las cousas non ten por que coincidir co dos demais; paulatinamente tomarán conciencia e comprenderán que a forma de actuar e de comportarse dos demais depende dunha serie de motivacións, desexos e necesidades que poden non coincidir coas súas. Intentarán axusta-lo seu comportamento para integrarse e interactuar coas persoas do seu medio.
Pouco a pouco serán capaces de realizar deducións simples e clasificacións seguindo algúns criterios moi sinxelos. A esta idade terán dificultades para establecer relacións causais, temporais e lóxicas.
No ámbito psicomotor, os nenos e as nenas son moi áxiles, os seus movementos son suaves e harmónicos. Progresivamente, serán capaces de disocia-los seus movementos ó realizaren asemade acenos diferenciados nos membros superiores e inferiores. Gústalles empezar a amosarse independentes e senten atracción pola actividade física. Van coñecendo o seu corpo pouco a pouco, as súas posibilidades e limitacións motrices, van adquirindo confianza sobre o que son capaces de facer con el e van avanzando no control dos seus movementos. Gústalles correr e parar, facer xiros, gabear, sortear obstáculos, andar en tódalas direccións, patear, saltar cos pés xuntos, subir e baixar escaleiras e bailar, malia que aínda non dominan o ritmo. Poderán mante-lo equilibrio sobre diferentes superficies; manteranse sobre un pé durante certo tempo; equilibraranse sobre a punta dos pés e gardarán o equilibrio estático cos ollos pechados.
A coordinación óculo-manual aínda non é moi boa. Serán capaces de realizar diferentes accións que requiren desta coordinación, como abotoar un botón grande. Exercerán certo control sobre o lapis. Progresivamente, controlarán a partida e chegada do debuxo e poderán partir dun punto e chegar a outro dun só trazo; poderán completar e pechar figuras abertas e serán quen de copiar un círculo. Ós pequenos e ás pequenas gustaralles experimentar coa pintura de dedos e empregarán para iso todo o espazo gráfico. Irán adquirindo paulatinamente unha mellor percepción visual do espazo.
Os nenos e as nenas utilizan indistintamente a man esquerda e a dereita; progresivamente, irán afianzando a súa lateralidade, polo que é moi importante non meterlles presión en ningún sentido no tocante ó emprego dunha man sobre a outra.
Nesta idade, os nenos e as nenas afianzarán a súa identidade sexual e de xénero e utilizarana para defini-las súas preferencias. Chegarán a recoñece-lo seu propio sexo e interesaránlle-las diferenzas fisiolóxicas entre eles.
A linguaxe é un instrumento novo que aínda non dominan correctamente. O vocabulario que manexan os pequenos e as pequenas é extenso, dunhas 1000 palabras, que irán aumentando rapidamente, aínda que comprenden o significado de máis palabras das que empregan. Progresivamente, elaborarán enunciados de tres ou catro palabras de estrutura máis complexa e diferenciarán os tempos e os modos verbais. Nas súas conversas, utilizarán artigos e algúns pronomes e adverbios e aprenderán a facer correctamente a concordancia entre o artigo e o nome.
Os nenos e as nenas desta idade comezan a percibir que a linguaxe, ademais de ser un instrumento de comunicación, é un medio para controla-lo seu propio comportamento. Parece que xa captan o funcionamento do sistema lingüístico e que recoñecen algunhas normas básicas e simples, pero non as excepcións desas normas e, xa que logo, adoitan cometer erros. Tamén comezan a formular moitas preguntas, algunhas delas aparentemente sen sentido. Comentan todo o que ven, senten e imaxinan. Aínda non dominan a pronuncia dalgúns fonemas nin algunhas estruturas gramaticais, pero poden pronuncia-los sons fundamentais da lingua, aínda que, ás veces, nas súas conversas retroceden a unha pronuncia máis cómoda para eles. Ós pequenos e ás pequenas gústalles escoitar para aprender.
Comezan as primeiras amizades, gústalles estar con outros nenos e con outras nenas, aínda que seguen sendo egocéntricos e dominantes nas súas relacións. O seu círculo social irase ampliando. Progresivamente, serán capaces de establecer relacións afectivas fóra do ambiente familiar. A relación cos irmáns e coas irmás adoita ser moi cariñosa. Ós pequenos e ás pequenas gústalles xogar en parellas, en grupos de tres e, pouco a pouco, irán ampliando este número. No xogo hai unha identificación, fan imitacións tipificadas, como levar algo, mercar, dar… Tamén terán lugar as primeiras pelexas e rivalidades; a esta idade poden responder con certa agresividade ante a frustración polo que o papel do adulto como mediador é fundamental.
Empezarán a coñecer e a asimilar algunhas das normas que rexen a vida en sociedade, así como a entende-lo que é compartir. Por outra banda, é importante que adquiran progresivamente hábitos de coidado e seguridade persoal, posto que poderán discriminar e, daquela, evitar algunhas situacións, accións e obxectos que poden ocasionarlles perigo (escaleiras, tesoiras, coitelos, enchufes, mistos…).
Os pequenos e as pequenas aprenderán a comer sós, sen que lles caia a comida ou a bebida, e empezarán a utiliza-lo garfo. Terán a habilidade necesaria para espírense sós e para vestírense sen axuda ou con pouca axuda do adulto malia que aínda non saberán abotoar algunhas pezas de vestir. Sentiranse moi orgullosos do que son quen de facer, gustaralles esa autonomía que pouco a pouco van ir adquirindo. Ó neno e á nena agradaralles que se lles loe, mostraranse colaboradores e dispostos a faceren pequenos “traballiños” na casa e na clase. En canto á orde, saberán que cada cousa debe estar no seu sitio, pero igual que imitan a orde, tamén imitarán a desorde.
Os nenos e as nenas teñen o seu propio concepto da xustiza, saben que deben dici-la verdade e que non deben mentir. Saben distinguir entre verdade e mentira. Tenden a ser sinceros, pero tamén, se non son educados correctamente, poden descubri-las vantaxes de mentir para obte-lo que desexan.