INICIACIÓN Á LECTOESCRITURA.

No nivel da Educación Infantil débese procurar que os nenos e as nenas aprendan a facer uso da linguaxe e que se inicien na aprendizaxe da lectura e da escritura. No segundo ciclo preténdese que descubran e exploren os usos da lectura e da escritura, espertando e afianzando o seu interese por elas. A utilización funcional da lectura e da escritura na aula levaraos, coa intervención educativa pertinente, a iniciarse no coñecemento dalgunhas das propiedades do texto escrito e das súas características convencionais, valorándoas como instrumentos de comunicación, información e goce. Debemos espertar nos nenos e nas nenas o interese polos textos escritos presentes na aula e no medio próximo, iniciándoos no seu uso, na comprensión das súas finalidades e no coñecemento dalgunhas características do código escrito. Deste xeito, poderán participar nas situacións de lectura e de escritura que se producen na aula.
A partir dos tres anos o neno ou a nena dispón da capacidade de poder operar con múltiples representacións. Débese empezar a prepara-la conciencia da relación da linguaxe oral coa representación gráfica por medio de pictogramas nun contexto integrado de actividades comunicativas.
Ós catro anos, debe ser quen de recoñecer palabras moi significativas do seu medio. Polo tanto, debemos poñelo en contacto con elas para favorece-la lectura.
Pouco a pouco irá aparecendo no neno e na nena o interese por recoñece-las letras como compoñente das palabras, momento que debe aproveitarse para que recoñezan a estrutura destas. Traballarase a identificación dos distintos elementos e a estrutura da fala (palabras, sílabas, fonemas) e potenciaranse, a través da linguaxe oral, os aspectos fonolóxicos.
Iniciarase a aprendizaxe das técnicas da lectura e da escritura. Esta aprendizaxe realizarase por medio da comunicación e comprenderá actividades de decodificación, codificación e comprensión.
A aprendizaxe da lingua escrita debe permitir que os nenos e as nenas descubran as posibilidades que ofrece a lectura e tamén a escritura como fonte de pracer, fantasía, comunicación e información.
Dos textos que se poden empregar para a lectura na aula, os contos deben ocupar un lugar esencial na formación literaria dos nenos e das nenas. Polo seu contido, pola súa estrutura e polo seu vocabulario, constitúen un instrumento valioso para o desenvolvemento das habilidades lingüísticas.

Ao longo deste curso reforzaremos os contidos de lectoescritura traballados no material básico mediante unha serie de materiais complementarios de iniciación á lectoescritura: "O riso das bolboretas": Iniciación ás vogais.