A EDUCACIÓN PSICOMOTRIZ


A psicomotricidade ten en conta o individuo na súa totalidade, considérao unha unidade psicosomática. Integra os aspectos cognitivos, emocionais, simbólicos e sensoriomotrices e desempeña un papel importantísimo no desenvolvemento da personalidade.
A psicomotricidade pretende desenvolver, a partir do corpo e do movemento, as posibilidades motrices, expresivas e creativas dos nenos e das nenas. Por medio dela, favorécese a comunicación, o coñecemento e a creatividade. Ademais, potencia o diálogo do neno ou da nena consigo mesmo e axúdao a conseguir determinadas aprendizaxes escolares..
A educación psicomotriz constitúe a base de numerosas aprendizaxes escolares, favorece o desenvolvemento da percepción temporal e espacial, o desenvolvemento da simbolización e a aprendizaxe da lectoescritura. Existen moitos conceptos abstractos que os nenos e as nenas deben aprender: as nocións espaciais, as nocións temporais, os cuantificadores, as formas, as figuras xeométricas…, a mellor maneira de aprendelos é, entre outras estratexias, a experiencia e a vivencia co propio corpo.
Por medio da psicomotricidade preténdese que o alumnado adquira o coñecemento do propio corpo, o dominio do equilibrio, o control e a eficacia das coordinacións globais e segmentarias, o control da inhibición voluntaria e da respiración, a organización do esquema corporal, a orientación espacial e unha axeitada estruturación espazo-temporal.
O esquema corporal é a conciencia inmediata, o coñecemento e a representación do propio corpo. Organízase a través das sensacións interoceptivas, propioceptivas, quinestésicas, visuais e táctiles que o corpo recibe ó interactuar co medio. Está influenciado pola idea ou pola imaxe que os nenos e as nenas teñen deles mesmos e pola idea que teñen sobre o que os demais pensan ou senten sobre eles. É fundamental traballar, desde a Educación Infantil, o desenvolvemento dunha imaxe positiva e axustada deles mesmos que contribúa a mellora-la súa imaxe corporal polas repercusións que isto ten sobre a autoestima.
Para que os nenos e as nenas acaden unha axeitada estruturación do esquema corporal, cómpre que coñezan o seu corpo (características físicas, elementos e segmentos que o forman, posibilidades e limitacións motrices…), que controlen a respiración, que recoñezan os eixes imaxinarios do corpo para poder acadar unha maior independencia no control motriz e que poidan iniciar e inhibi-los seus movementos de forma voluntaria.
Para que o movemento dos diferentes elementos e segmentos corporais sexa harmónico, cómpre que exista coordinación entre eles. Os nenos e as nenas, progresivamente, irán adquirindo a coordinación dinámica xeral que lles permitirá manexa-los movementos grosos do seu corpo e controla-lo espazo polo que se desprazan.
Gradualmente, e favorecido polas diferentes actividades que o alumnado realiza na clase e polos xogos psicomotrices, irán mellorando a coordinación visomotora. Esta coordinación permitiralles acadar unha maior precisión nas actividades motrices de carácter fino.
Outro aspecto que traballa a educación psicomotriz é a orientación espacial. Os nenos e as nenas deberán aprender e asimilar diferentes nocións espaciais que primeiro deberán vivenciar co seu propio corpo para, posteriormente, podelas representar mentalmente.
Do mesmo xeito, aprenderán a orientarse espacialmente na súa casa, na súa clase, na súa rúa, no seu barrio…, de forma progresiva. Tamén aprenderán a orientárense no espazo gráfico. Este punto está estreitamente relacionado coa aprendizaxe da lectoescritura.
Paralelamente á adquisición das nocións espaciais vanse incorporando as referentes ó tempo. A aprendizaxe dos conceptos temporais abórdase desde a psicomotricidade por medio da interiorización dos ritmos e da secuenciación de elementos. Os nenos e as nenas, ó longo do período da Educación Infantil, deberán acadar unha axeitada estruturación espazo-temporal.
A lateralidade defínese como o predominio dun hemisferio cerebral sobre o outro. A lateralización de funcións non se manifesta ata os 3 anos; neste momento empeza a aparece-la preferencia por unha das mans, aínda que os nenos e as nenas continúan utilizando indistintamente as dúas. Non se consegue unha dominancia cerebral ata os 5 ou os 6 anos. Ás veces non existe unha dominancia igual para tódalas funcións; pódese ter unha maior precisión visual cun ollo, unha maior habilidade cunha determinada man e maior destreza cun pé concreto. A escola debe contribuír neste proceso de lateralización pola súa repercusión, entre outros factores, na aprendizaxe da lectoescritura.

Ao longo de todo este curso realizaremos xogos complementarios e psicomotrices variados, innovadores e divertidos que traballan, de forma motivadora e lúdica, tódolos aspectos mencionados anteriormente. Estes xogos psicomotores poderán realizarse no patio do colexio, na aula de psicomotricidade ou na clase, isto dependerá de cada actividade. Os materiais que se empregan son moi variados:aros, colchonetas, picas, ladrillos, escorregadoiro, pneumáticos, papel de periódico, folios, pandeiro, xices, ceras, lapis de cores, cintas adhesivas, tarxetas con debuxos e nomes, sinais de tráfico, caixas de cartón, máscaras, caretas… Estes xogos complementan e afianzan a aprendizaxe das diferentes nocións, habilidades e destrezas traballadas nas diversas fichas de cada unidade, por medio da vivencia corporal destes.