MÉTODOS PEDAGÓXICOS

Prodúcese unha aprendizaxe cando o neno ou a nena establece relacións significativas entre a súa experiencia previa e a nova información que se lle presenta, de forma que se produza unha modificación dos esquemas de coñecementos preexistentes e estes evolucionen cara a estruturas cada vez máis elaboradas e complexas. Isto implica unha metodoloxía baseada no principio de aprendizaxe significativa que parta dos coñecementos previos dos nenos e das nenas, que conecte cos seus intereses e coas súas necesidades e que lles propoña actividades atractivas dabondo para que aprecien de maneira sinxela e clara a finalidade e a utilidade dos novos contidos que van desenvolvendo. Daquela, aplicar unha metodoloxía baseada neste principio didáctico esixe ter en conta —ademais do xa mencionado— os seguintes requisitos:
• Detecta-los coñecementos previos do alumnado para poder realiza-la intervención axeitada.
• Presentar situacións que non estean moi afastadas nin excesivamente próximas ás súas experiencias para provoca-lo conflito cognitivo que actuará de resorte para que os nenos e as nenas propoñan solucións para cada situación.
• Organiza-los contidos da Educación Infantil tendo en conta que é o neno ou a nena quen ten que asimilalos. O establecemento de contidos que actúen como organizadores previos, a planificación de eixes temáticos, centros de interese ou fíos condutores e o repaso regular e periódico dos contidos abordados con anterioridade contribúen a que os nenos e as nenas sintan confianza e seguridade ante as situacións que se lles presenten.
O esquema de contidos incluído en cada unidade didáctica recolle os contidos tratados nela e as relacións máis significativas que se establecen entre eles.
Para conseguir que as aprendizaxes dos nenos e das nenas sexan significativas e que estas sexan o resultado do establecemento de múltiples conexións, de relacións entre o novo e o xa aprendido, é imprescindible que o proxecto sexa concibido baixo unha perspectiva globalizadora.
Os nenos e as nenas que nos ocupan atópanse en posesión dun pensamento sincrético, é dicir, captan a realidade como un todo.
Cando os nenos e as nenas destas idades realizan calquera actividade, implícanse totalmente nela e poñen en xogo mecanismos diversos: cognitivos, psicomotores, afectivos, de comunicación, de atención… Con todo, eles non saben que están descubrindo o medio, que están adquirindo un maior coñecemento do seu corpo, que están progresando na súa autonomía persoal, que están ampliando o seu vocabulario, ou que están coñecendo as súas posibilidades expresivas; só pretenden resolver, de forma entusiasta, unha tarefa que necesita a súa participación activa.
De aí que o proxecto co que traballamos se basee, fundamentalmente, no principio de globalización. Trátase, pois, dun proceso global de achegamento á realidade que se quere coñecer. Este proceso será frutífero se permite establecer relacións e construír significados máis amplos e diversificados. Este carácter globalizador non é incompatible coa conformación do currículo en áreas que constitúen un conxunto relacionado cos ámbitos máis significativos do coñecemento para cuxo desenvolvemento o profesorado debe propiciar actividades que contribúan ó desenvolvemento integral do neno e da nena e, con este fin, crear un clima de seguridade e afecto.
Se atendemos a este principio, o proxecto trata os contidos do nivel da Educación Infantil de forma global, e interrelaciona as tres áreas ou ámbitos de experiencia que forman o currículo.
Deste xeito, os contidos organízanse en unidades didácticas significativas para o neno e a nena, que, partindo dos seus propios intereses, vinculan debida e ordenadamente os elementos informativos novos cos que xa teñen.
A actividade é a principal fonte de aprendizaxe e desenvolvemento dos nenos e das nenas. Cómpre tanto para o seu desenvolvemento físico e psicomotor, coma para a construción do coñecemento.
Por isto, a ensinanza ten que ser activa, e debe darlle tempo e ocasión a que o neno e a nena participen e sexan protagonistas da súa propia aprendizaxe. Hai que utilizar estratexias que os estimulen a ser creativos e que alenten o desenvolvemento da imaxinación e da capacidade de observación.
A través da acción e da experimentación, os nenos e as nenas expresan os seus intereses e as súas motivacións e descobren relacións, propiedades de obxectos, formas de actuar, normas… En definitiva, aprenden.
Unha das principais fontes de actividade nestas idades é o xogo. É necesario dotar de carácter lúdico calquera actividade que vaiamos realizar para o que se debe evita-la división entre xogo e traballo xa que o xogo é o traballo dos nenos e das nenas. É a actividade principal que realizan, favorece a elaboración e o desenvolvemento das estruturas do coñecemento. O xogo é o vehículo que utilizan para se relacionaren e para aprenderen da realidade que os rodea.
Así mesmo, cómpre potencia-lo xogo autónomo, tanto o individual coma o realizado en equipo, pola seguridade afectiva e emocional, pola integración dos nenos e das nenas entre si e cos adultos. Non hai que esquecer que a interacción con outros nenos e con outras nenas constitúe un importante recurso metodolóxico que os axuda no seu proceso social, afectivo e intelectual. Neste sentido, a escola debe ofrecer espazos e materiais que axuden a crear un ambiente de xogo estimulante e que teña en conta as necesidades do alumnado.
A ensinanza activa contemplámola cunha ampla proposta de actividades individuais e de grupo, nas que nenos e nenas poderán desenvolve-las súas capacidades de manipular, explorar, observar, experimentar, crear…, que lles permitirán aplicar e construí-los seus propios esquemas de coñecemento. O traballo en grupo potencia a participación e mellora a capacidade de expresión, o cal é, sen dúbida, un dos eixes principais para un bo desenvolvemento cognitivo e emocional.
Un principio metodolóxico moi ligado á actividade é a motivación, que se tivo moi en conta para a elaboración do proxecto. É absolutamente necesario que neno e nena se sintan atraídos cara á aprendizaxe. Nisto xoga un papel moi importante que os obxectivos, os contidos e as actividades teñan un nivel axeitado, que respondan ós seus intereses e que os métodos e recursos sexan atractivos e faciliten a aprendizaxe.
Ao longo deste curso recurriremos a diferentes tipos de estímulos para lograr que nenos e nenas estean motivados:
• Observación, manipulación e exploración.
• Situacións apropiadas de comunicación verbal, plástica e psicomotriz.
• Estímulos afectivos con gabanzas e premios, que son fundamentais pola satisfacción que reportan.
En canto ao principio de socialización, o egocentrismo é un trazo propio nestas idades e cómpre que o superen. Neste sentido, o proxecto propón gran cantidade de actividades de grupo nas que os nenos e as nenas aprenderán comportamentos e normas, así como a compartir, a respectar, a participar e, en definitiva, a relacionárense cos demais.
Hai que valorar constantemente a participación, o compañeirismo, a axuda e o respecto cara ós demais…, de tal forma que o neno e a nena se sintan inclinados a repetir eses comportamentos que lles proporcionan gratificacións afectivas e a supera-lo egocentrismo propio desta idade; así desenvolverán a súa capacidade de relación, a súa autonomía e a súa independencia.
A participación da familia a escola é fundamental xa que a aprendizaxe dos nenos e das nenas de 3 a 6 anos está moi centrada nas súas vivencias, nas rutinas da vida cotiá. Debe existir unha continuidade entre o que fan dentro da escola e o que fan fóra dela. A existencia de relacións fluídas entre a familia e a escola vai permitir que se teñan criterios comúns e pautas homoxéneas de actuación que favorecerán o proceso de aprendizaxe e o desenvolvemento harmónico da personalidade dos nenos e das nenas.

Sendo consciente da importancia da vinculación da familia, ao inicio de cada unidade didáctica proponse un material destinado ós pais ou titores no que se lles informa dos aspectos traballados ou que se van traballar e no que se lles ofrecen unhas suxestións que facilitarán o afianzamento das aprendizaxes realizadas e a implicación na educación dos seus fillos e das súas fillas, en estreita colaboración coa escola.
Ademais, a través do Libro para a familia, os pais e as nais estarán informados sobre aspectos educativos importantes que se van traballar cos seus fillos e coas súas fillas. Contén un apartado que lles vai permiti-lo contacto continuo co centro e cos docentes e que lles proporcionará información sobre todo o que crean conveniente relativo ós seus fillos e ás súas fillas.
A sociedade actualmente depende en gran medida das novas tecnoloxías informáticas; así, o sistema educativo debe integralas nas súas ensinanzas desde idades moi temperás. O ordenador é un medio que enriquece o contexto de aprendizaxe dos nenos e das nenas xa que fai que o proceso de ensinanza sexa máis motivador. Así mesmo, posibilita a aprendizaxe por descubrimento, favorece o traballo en grupo, o desenvolvemento da curiosidade e, ademais, a realidade virtual que proporciona o ordenador potencia a capacidade de abstracción.